Saturday 18 de May de 2024

A veda do polbo en Galicia comeza o 20 de maio e prolongarase ata o 4 de xullo


Aínda que nun principio a Administración fixaba este período en dous meses e o sector en un, decidiuse de maneira consensuada e tendo en conta a situación do recurso, unha veda dun mes e medio

A veda do polbo en Galicia comezará o 20 de maio e rematará o 4 de xullo de 2016. Así se consensuou nunha xuntanza da comisión de seguimento do plan de xestión do polbo. Esta reunión estivo presidida polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, e a ela asistiron representantes da Federación galega e das federacións provinciais de confrarías de Galicia.

Nesta xuntanza debatéronse diferentes aspectos relativos á xestión do polbo en relación aos plans anteriores. Un dos fundamentais é o período de veda. Nun principio, a Administración fixouno en dous meses, abarcando maio e xuño, segundo un compromiso anterior acadado entre a Administración e o propio sector. O sector de forma maioritaria propoñía un mes.

A petición dos membros do sector, a Consellería analizou a situación do recurso e constatou que dende o inicio da campaña do ano pasado ata decembro, as capturas foron escasas e, en contraste, comprobou que a partir de finais de decembro ata maio, as capturas e o tamaño do polbo foron bos e que o seu prezo medio superou os 6 euros. Así, decidiuse establecer a veda entre as 16:00 horas do venres, 20 de maio e as 06:00 horas do luns, 4 de xullo, logo de consensualo co sector e tendo en conta a situación do recurso. O obxectivo é aproveitar o bo momento de estado da especie con capturas abundantes e un bo prezo medio no mercado.

Outro aspecto que se debateu na reunión foron os topes de captura, que se acordaron manter como no plan do ano pasado e analizar con máis detalle de cara a campañas posteriores. É dicir, dende o 4 de xullo ata o 30 de setembro o tope sería 30 kg barco/día, máis 30 quilos/día por cada tripulante enrolado e a bordo ata un máximo de 210 quilos/día. No que resta de campaña, o tope será de 50 quilos embarcación/día máis 50 quilos/día por cada tripulante enrolado e a bordo ata un máximo de 350 quilos/día.

Ademais tamén se abordou a delimitación das zonas de traballo en función do tipo de embarcación e do número de nasas tamén foi obxecto de debate. Estas mantéñense como no plan do ano pasado atendendo á opinión da maioría das confrarías. As zonas son dende A Garda ata a Pedra do Sal (Caión), dende a Pedra do Sal ata a Illa de San Vicente e dende a Illa de San Vicente ata o Río Eo.

A identificación das nasas foi outra das cuestións abordadas. Atendendo a unha proposta dos representantes do sector, a Consellería acordou estudar a optimización do sistema de identificación e engadir unha serie de melloras antes de entrar en vigor o plan de xestión. A resolución que estableza o plan de xestión publicarase antes do inicio da veda.